top of page

Xan Pinal, creador do festival hai un cuarto de século, recibirá o venres o Premio Honorífico de Hon

Desde a esquerda, na mesa, Ernesto Chao, Celso Parada, Argimiro Marnotes, Rosendo Fernández, Josi Lage e Iolanda Muíños, na rolda de prensa, hoxe, na Deputación de Ourense

Con funcións en horario de noite para os adultos, de tarde para o público infantil e de mañá para os bebés. Así celebrará esta semana o Festival de Teatro Galego do Carballiño o seu 25 aniversario. Nunha edición tan sinalada e para soprar as velas do seu cuarto de século de vida, o FETEGA, que comezou nos seus inicios sendo un festival centrado no público adulto, pretende amosar a actual diversidade das artes escénicas galegas e que todas as persoas, desde a máis maior á máis nova da casa, poidan asistir ao teatro. Para iso idearon unha triple programación diaria que, durante os 4 días que durará o Festival, do 2 ao 5 de setembro, inundará O Carballiño de teatro.

O FETEGA foi presentado esta mañá na sede da Deputación de Ourense, nunha rolda de prensa na que interviron a directora do Festival, Josi Lage, así como algúns dos actores máis coñecidos que se poderán ver no Carballiño estes días: Ernesto Chao, da compañía Lagarta Lagarta; Iolanda Muíños, da compañía Obras Públicas; e Celso

Parada, de Teatro do Morcego, estiveron presentes; ademais do propio alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; e do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Organizado pola Asociación Cultural FETEGA, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Concello do Carballiño, o AGADIC, ABANCA, AXA Seguros, OCASO e Empresa Montañesa, o Festival exhibirá no Carballiño unha triple programación por primeira vez.

Así, o Festival contará cunha programación nocturna, dirixida ao público adulto, na que cunha entrada de 8 euros os asistentes poderán desfrutar de montaxes de gran categoría como Bye, bye honey, da compañía Obras Públicas, galardonada con 2 premios María Casares este ano á mellor música orixinal e ao mellor actor secundario (César Goldi). Tamén pasarán polo Auditorio do Carballiño a compañía Lagarta Lagarta, co seu espectáculo O país do Pato Donald, unha reflexión dirixida por Xulio Lago sobre a derradeira estación da vida dun profesor de literatura (Ernesto Chao) que vive os seus últimos días entre a realidade e as lembranzas. E Misterio Cómico, de Teatro do Morcego, será outro dos espectáculos que forman parte da 25ª edición de FETEGA, precisamente no momento en que esta compañía teatral tamén cumpre 25 anos nos escenarios.

O último día, o venres 5 de setembro, pola noite, entregaranse ademais os Premios FETEGA 2014, nunha gala na que Pistacatro deleitará aos asistentes co seu espectáculo de malabares e teatro Impreuna.

O Festival complétase cunha detallada programación de carácter gratuito na súa maioría, diaria e diurna para o público máis novo. Así, Teatro Ghazafelhos, Fantoches Baj, Magín Blanco, Raquel Queizás, A Tropa de Trapo e Martín Camiña ofrecerán diferentes espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar, algún deles incluso específico para bebés, en horario de mañá e de tarde no Anfiteatro e na Casa da Cultura do Carballiño.

Obradoiros de malabares e instrumentos do mundo na praza do Concello, magos e algunha que outra sorpresa máis redondearán a programación deste FETEGA 2014, dirixido pola tamén actriz Josi Lage, actual presidenta da Asociación Cultural FETEGA.

O único festival de teatro únicamente galego que se fai en toda Galicia

Durante a rolda de prensa desta mañá, Josi Lage sinalou que o Festival de Teatro Galego é o evento anual que máis xente congrega no Carballiño despois da festa do pulpo. Neste sentido, segundo datos da organización de media das últimas edicións, o 36% das 5.000 persoas que asisten ao festival é de fóra do Carballiño; un 14% é de fóra de Galicia; e deles, un 25% come no municipio; un 11% pernocta nel; a media de tasa de retorno está en 56 euros.

Pola súa banda, os actores aproveitaron a súa quenda de palabra para reivindicar o teatro e que se sigan a organizar e a apoiar festivais como este. “Cada vez que se perde un festival desándase moito camiño e iso é malo”, advertiu Celso Parada, para tamén defender que a especialización dos festivais, como este, especializado en teatro galego, “é positiva”. Parada amosou o seu enorme respeto “por toda a xente que mantén as iniciativas culturais” ao longo de tantos anos como é este caso.

Igualmente, Iolanda Muíños fixo un chamamento a que todas as institucións e colectivos sigan “apoiando o teatro, non cun concepto de ONG, senón porque é cultura”. E na mesma liña, Ernesto Chao agradeceu a FETEGA poder estar presente nun festival tan importante como é este.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, que xogou o papel de presentador da rolda de prensa, dixo sen dubidar, e referíndose ao festival do Carballiño que, “se non existirá, habería que inventalo”; e o alcalde do municipio, Argimiro Marnotes, comprometeuse publicamente a seguir apoiando esta iniciativa mentres el sexa rexedor. “O Carballiño vai estar sempre co teatro galego”, declarou, despois de asegurar que “este ano celebramos as vodas de prata do matrimonio que forman o teatro galego e o pobo do Carballiño, pensando en chegar aos 50 anos xuntos”. Así mesmo, puxo a énfase en que o do Carballiño sexa o único festival de teatro únicamente galego que se fai en Galicia.

Na última quenda, Josi Lage aproveitou para desvelar que o Premio Honorífico de Honra do FETEGA 2014 será entregado o venres, na gala que se celebrará a partir das 22:30 horas no Auditorio do Carballiño e que este ano recaerá en Xan Pinal. “El foi o iniciador do festival, o creador, se non fora por el FETEGA non existiría. No seu día pasoume a min o testigo e eu estou moi contenta de que o premio deste ano sexa para el”, concluiu.

rolda de prensa fetega 2.jpg

Featured Posts
Recent Posts
Archive
Search By Tags
No hay tags aún.
Follow Us
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page