top of page

'Arenteiro', un espectáculo único de Carlos Blanco e Celso Fdez. Sanmartín, creado en exclus

A programación prevista no FETEGA reunirá no Carballiño entre o 8 e o 11 de setembro ás principais compañías teatrais da Comunidade

Mofa e Befa, Isabel Risco e Marían Bañobre ou Compañía Floristería & Artesa Cía serán outros dos protagonistas na 26 edición de FETEGA

O Festival incluirá montaxes teatrais polas noites para público adulto no Auditorio municipal; espectáculos para público infantil e familiar polas tardiñas no Anfiteatro da Veracruz; actuacións de maxia; obradoiros na Praza do Concello polas mañás e polas tardes; e algunha sorpresa máis

O Festival de Teatro Galego (FETEGA) cumpre 26 anos de vida e, para celebralo, esta edición do 2015 reunirá no concello ourensán do Carballiño ás máis importantes compañías teatrais de toda a Comunidade durante os días 8, 9, 10 e 11 de setembro. Así se anunciou este luns pola mañá nunha roda de prensa na sede de Deputación de Ourense, na que estiveron presentes o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o deputado de Cultura, Manuel Doval; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega Piñeiro; a directora do Festival, Josi Lage; e os actores Carlos Blanco, Vicky Pérez, Laura Villaverde, Manuel Fernández, Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Isabel Risco e Marián Bañobre.

FETEGA 2015 serán catro días nos que O Carballiño, un ano máis, se converterá, tal e como dixo Rosendo Fernández, “na capital do teatro galego”, con programación e actividades en horario de mañá, tarde e noite e para todos os públicos, algo que, en palabras de Francisco Fumega, é “un privilexio” para o Carballiño. “Encheranse as rúas de cultura, de teatro, de cor e será un éxito”, afirmou o vicepresidente da Deputación, que lembrou que a o organismo provincial leva moitos anos apoiando esta iniciativa que aporta valor engadido a todo Ourense.

Entre as grandes novidades deste ano, destaca o feito de que os afamados actores Carlos Blanco e Celso Fernández Sanmartín presentarán en FETEGA 2015 un espectáculo concebido en exclusiva para a ocasión. Trátase de “Arenteiro”, unha montaxe prêt-à-porter que non foi presentada en ningún lugar até o momento e na que o humor, a retranca e a narración oral serán os verdadeiros protagonistas.

O propio Carlos Blanco explicaba esta mañá na roda de prensa que dita montaxe se poderá ver únicamente mañá martes, a partir das 22:30 horas no Auditorio do Carballiño. “Nin se representou antes nin se volverá a repetir, porque é un espectáculo só para o Festival de Teatro Galego do Carballiño”, enfatizou. Carlos Blanco, facendo gala do seu humor, amosou o seu desexo de que mañá o Auditorio estea cheo e así poder “derrotar á Selección Española” de fútbol, que á mesma hora xogará contra Macedonia un partido de fútbol. ‘Arenteiro’ é un espectáculo único no que Carlos Blanco e Celso Fernández irán narrando a partir do equipo de fútbol que tiña ese nome e que, “como tantas outras cousas”, xa non se chama así.

Pero por FETEGA 2015 tamén pasarán outros grandes das artes escénicas galegas, como Ibuprofeno Teatro, que traerán ao Carballiño ‘O Furancho’, interpretada por Isabel Risco e Marián Bañobre. Ambas as actrices explicaron esta mañá que, como mulleres que sempre teñen “un pé na leira e outro no ciberespacio” deleitarán ao público o xoves pola noite como boas “furancheiras con glamour”.

Tamén a Compañía Floristería e Artesa Cía estarán no 26º FETEGA o mércores, con ‘Eu encargábame dos nenos e o meu home da parte dos gastos’, unha montaxe co-producida por ambas as compañías moi actual sobre a desigualdade de xénero e protagonizada por Manu Fernández, Vicky Pérez e Laura Villaverde. Vicky Pérez e Laura Villaverde desvelaron que o título deste espectáculo está quitado dun titular que aparece una prensa no 2014, cando estaban a indagar sobre sexismo co obxectivo de crear unha montaxe. O resultado é unha obra “irónica, sonora e simpática”, que quere ser á vez “homenaxe a todas as mulleres que ao longo da historia abriron barreiras”.

E o último día de FETEGA 2015, o venres, será a quenda de Mofa e Befa, que dirixidos polo mestre Quico Cadaval subiranse ás táboas co seu ‘Bobas&Galegas’. Víctor Mosqueira tomou a palabra hoxe na roda de prensa para asegurar que é “un pracer” volver estar neste Festival, nesta ocasión cunha peza que vai guiada por uns segadores galegos que van a Castela ao trigo. Trátase de teatro en verso, sobre textos de Quevedo ou Calderón, no que durante hora e media e un “ritmo vertixinoso” o público poderá gozar cunha posta en escena que inclúe 160 almofadas.

Todas estas representacións, en horario de noite, serán no Auditorio do Carballiño e cada entrada terá un custo de 8 euros, podendo adquirirse na billeiteira do Auditorio desde o primeiro día pola tarde. Así mesmo, as persoas interesadas en mercar entradas para todos os días, terán un desconto, e o prezo total das entradas para as funcións das 4 noites será de 25 euros en total. As persoas interesadas en facer reservas por adiantado, poderán enviar un correo electrónico a a.c.fetega@gmail.com indicando o seu nome, DNI e número de entradas que quere reservar para cada espectáculo.

A maiores, FETEGA 2015 tamén inclúe programación en horario de tardiña para o público familiar e infantil, con entrada totalmente gratuita, libre e aberta no Anfiteatro da Veracruz. Os contos de Raquel Queizás, os monicreques de Viravolta, o teatro de Ghazafelhos e a maxia dos Magos do Ribeiro serán os encargados das funcións neste espazo cada día.

Obradoiros de marionetas, papiroflexia, máscaras e tarabelas polas mañás e polas tardes

FETEGA 2015 completarase con varios obradoiros, que terán lugar todos os días, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas na Praza do Concello, así como actuacións sorpresa de maxia ao longo das xornadas nos establecementos colaboradores do Concello. Os obradoiros, que correrán todos a cargo de Viravolta, serán: O martes 8 de marionetas; o mércores 9 de figuriñas de papiroflexia; o xoves 10 de máscaras; e o venres 11 de tarabelas.

Máis de 4.000 persoas asistiron o ano pasado aos espectáculos programados na 25 edición de FETEGA e a organización do Festival, con Josi Lage de directora e Xermán Tobío de secretario, aspira nesta 26 edición a seguir aumentando tanto en número de espectadores como en repercusión.

O último día do Festival, o venres 11, pola noite, terá lugar no Auditorio do Carballiño a tradicional Gala de entrega dos Premios FETEGA deste ano ao Mellor Espectáculo Teatral; Mellor Actriz; e Mellor Actor. Os premiados elixiranse a través das votacións dun xurado e tamén das do público, que cada día, despois das funcións, poderán realizar as súas valoracións nunha papeleta e depositalas nunhas urnas que se habilitarán na entrada.

A directora do Festival, Josi Lage, aproveitou a roda de prensa para destacar o “esforzo” e “ilusión” que hai detrás de FETEGA e salientou que ao redor de 75 entidades colaboran para que este evento poida seguir a realizarse ano tras ano.

PROGRAMACIÓN POR DÍAS:

Martes 8 de setembro: De 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, na Praza do Concello, Obradoiro de marionetas Ás 19.30 horas no Anfiteatro da Veracruz, O segredo do tendal, de Raquel Queizás (Entrada gratuita e aberta. Público infantil e familiar) Ás 22.30 horas, no Auditorio, estrea de Arenteiro, de Carlos Blanco e Celso Fernández Sanmartín (Entrada: 8 euros. Público adulto)

Mércores 9 de setembro: De 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, na Praza do Concello, Obradoiro de figuriñas de papiroflexia Ás 19.30 horas, no Anfiteatro da Veracruz, Cocer e Cantar, de Títeres Viravolta (Entrada gratuita e aberta. Público infantil e familiar) Ás 22.30 horas, no Auditorio, Eu encargábame dos nenos e o meu home da parte dos gastos, de Compañía Floristería e Artesa Cía. (Entrada: 8 euros. Público adulto)

Xoves 10 de setembro: De 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, na Praza do Concello, Obradoiro de máscaras Ás 19.30 horas, no Anfiteatro da Veracruz, As mil e unha noites, de Teatro Ghazafelhos. (Entrada gratuita e aberta. Público infantil e familiar) Ás 22:30 horas, no Auditorio, O furancho, de Ibuprofeno Teatro. (Entrada: 8 euros. Público adulto)

Venres 11 de setembro: De 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, na Praza do Concello, Obradoiro de tarabelas Ás 19.30 horas, no Anfiteatro, Magos do Ribeiro. (Entrada gratuita e aberta. Público infantil e familiar) Ás 22.30 horas, no Auditorio, Bobas & Galegas. Mofa e Befa no Século de Ouro, de Producións Teatrais Excéntricas; e Gala e Entrega dos Premios Fetega 2015. (Entrada: 8 euros. Público adulto)

Durante os catro días, todos os asistentes poderán ademais de actuacións sorpresa de magos do Ribeiro nos establecementos colaboradores.

A asistencia aos obradoiros das mañás e das tardes todos os días na Praza do Concello é aberta e gratuita, sen necesidade de inscrición previa.

A programación do FETEGA tamén incluiu este ano unha masterclass para os profesionais, impartida polo director teatral Etelvino Vázquez baixo o título de A voz das voces, e que xa se desenvolveu o pasado mes de maio.

Featured Posts
Recent Posts
Archive
Search By Tags
No hay tags aún.
Follow Us
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page