top of page

"A retranca é a nosa Lingua, o que o cubismo ás artes plásticas"


Carlos Blanco e Celso Fernández Sanmartín. Dous narradores narrando á par. Dous estilos fusionados, malia que odien a palabra "maridaxe". Cociñando a palabra sen rede. Eles son dous peixes frescos e serán os encargados de abrir o 8 de setembro o 26º Festival de Teatro Galego do Carballiño. Farano, ademais, cunha estrea mundial do seu espectáculo “Arenteiro”, a partir das 22:30 horas, no Auditorio municipal. O estilo tradicional, pousado, retranqueiro de Celso Sanmartín fusionado co jazz oral de Carlos Blanco. Unha idea, un encontro, un punto de partida, unha encrucillada de camiños. Partir dunha idea, unha perda. Arenteiro. Aquelo que se nos foi. Porque calquera noite pode sair o sol. No Carballiño, por exemplo. En setembro.

Queredes saber máis destes dous grandes actores galegos e do que é “Arenteiro”? Aquí vos deixamos unha entrevista que se fixeron mutuamente o un ao outro para falarnos do asunto:

Celso: Neno, temos que facernos unha entrevista mútua para o do Carballiño

Carlos: Pregunta o que queiras, Celso.

Celso: Vale. Carlos, dime o nome de tres persoas (ou catro) que foran importantes para a túa carreira.

Carlos: Eduardo Puceiro, o primeiro director e mestre que tiven en Vilagarcía. Antón Reixa, que me confiou varios papeis en cine e televisión (especialmente o Ladislao Couto de ‘Mareas Vivas’). Quico Cadaval, o mestre que me animou a contar. Gerardo Herrero, con quen levo feito 5 películas, entre elas “Heroína”, que me supuxo premios importantes como o Mestre Mateo.

E agora dime ti, Celso, quen é o mellor contador de historias que lembras ter visto? (Profesional ou non).

Celso: Non é doada a escolla… Pero vou traer á boca a tres persoas que en por si e por xunto son memorables: Hortensia e Samuel de Zobra e Celsa do Acebedo.

Agora vai unha difícil Carlos, dime se foras conselleiro de Cultura… unha cousa que se faga, que non farías; e outra que non se faga e que sí farías.

Carlos: Deus me libre de tal cousa, pero… crearía unha embaixada cultural permanente en Londres onde os artistas galegos puidesemos presentar os nosos traballos para a xente nosa que alí vive. Entre outras moitísimas cousas. E unha que se faga que eu non faría? Falar ese lamentable galego que ás veces escoitas aos políticos. Aprendería un pouco, aínda que só fose por non destragar o noso idioma.

E dime ti, Celsiño, que é o que che leva a traballar comigo, un tipo que te interrompe cando falas e non te deixa traballar en paz?

Celso: Que es unha persoa sumamente sensible aínda que o público aprecie moito a túa intensidade nos escenarios e a túa chispa intelixente. Penso que non trasmitirías o que transmites sen ese fondo de sensible humanidade que tes. E en canto a que me interrompes, falo como dirían polo sur da Península Ibérica “con salero” e dos mesmo modo que se dá naturalmente nas conversas. E iso penso que é o que mellor facemos en escea xuntos: conversar apreciándonos.

Carlos: Nesto último concordo. Preguntas ti!

Celso: Defínete logo Carlos, en que non concordas do que che dixen antes?

Carlos: Home, o da sensibilidade… eu son de jazz, de improviso, do momento. Ti aportas pausa, sabedoría e iso indefinible que chaman “retranca”. Defíneo anda, sempre nolo piden.

Celso: A retranca é a nosa Lingua (que é o noso xeito de estar no mundo), o que o cubismo ás artes plásticas.

Carlos: Dúas últimas preguntas, unha túa e unha miña. A miña, coñeces O Carballiño? Tes actuado alí? Que agardas desta presentación mundial de “Arenteiro”?

Celso: Si, coñezo O Carballiño. Aínda hai pouco un amigo e veciño meu me dixo que ía moito de viños ó Carballiño porque atopaba alí o ambiente de tertulia e conversas que lle faltaban no aire de Lalín… E espero da estrea mundial de “Arenteiro” que poidamos ter para nós esa horiña tranquila de antes de saír ó escenario porque é como ir poñendo a lume baixo a nosa comida para todos.

Agora coido que debías dar ti unhas palabriñas de anticipo e presentar “Arenteiro” en sociedade.

Carlos: Pois… partindo do perdido, de algo que se foi, do nome dun equipo de fútbol, por exemplo, falemos, divirtámonos, xoguemos. Temos aínda medo de chamarlle polbo ao polbo? Por que en Madrid non nos entenden cando dicimos “Voy bajar el polvo un momentito”. Xoguemos. Neso consiste o noso oficio. O do teatro. O de entreter. Entreteñamos á xente co teu xeito de contar e o meu, entretecendo historias, experiencias, improvisos… como o ves?

Celso: Si, eu agarrareime a moitas memorias, e co teu jazz e as túas, teceremos unha rede na que o público sinta pescadas as súas.

Celso: Bicos Carlos e grazas.

Carlos: Bicos Celso

Featured Posts
Recent Posts
Archive
Search By Tags
No hay tags aún.
Follow Us
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page