“FETEGA ten fama de ser un festival talismán”
- acfetega
- 24 ago 2015
- 2 Min. de lectura
O dúo cómico formado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo estará neste 2015 no 26º Festival de Teatro Galego do Carballiño. Será o venres 11 de setembro, a partir das 22:30 horas, no Auditorio municipal. Até aquí traerán o seu espectáculo ‘Bobas&Galegas. Mofa e Befa no Século de Ouro’, de Producións Teatrais Excéntricas, unha montaxe dirixida por Quico Cadaval, que tras o éxito de ‘Shakespeare para ignorantes’, se atreve desta nova volta con textos de Calderón, Lope, Benavente e Zamora.
Propuxémoslles a estes tres xenios das artes escénicas galegas que se meteran por unha vez no papel de xornalistas e se fixesen unha entrevista os uns aos outros. O resultado, velaí vai:

Evaristo: Por qué Shakespeare e agora Calderón?
Víctor: Pregúntalle a Cadaval.
Cadaval: Porque sempre apoiamos aos autores galegos. Shakespeare era de Leiro (upon-avon en inglés) e Calderón tiña un bar en Vigo.
Víctor: Se non foses actor, que che gustaría ser?
Evaristo: Unha vez coñecín a un ex-auditor de banca que dirixía un teatro. O home dicía estar feliz co seu traballo porque xa estaba farto de ser auditor de banca. Daquela, eu díxenlle que levaba moitos anos sendo actor e que se cadra, tamén coma él, debera facer un cambio. Este amable señor aconselleume cun sorriso: “faite auditor de banca!” Penseino tres segundos e non me pareceu boa idea, así que se non fose actor o que quixera ser é actriz!
Cadaval: Non o podo creer!
Evaristo: É cuestión de fé!
Víctor: Eu sempre quixen ser bombeiro.
Cadaval: Na provincia de Ourense hai máis traballo para os bombeiros que para os actores.
Víctor: Cadaval... qué prefires que NON te chamen: monologuista ou contacontos?
Cadaval: Erudito.

Cadaval: Que significa para vós actuar no Fetega do Carballiño?
Víctor: Nunca me fixeran esa pregunta!
Evaristo: Supón estar nun lugar no que a nosa actividade, por unha confabulación do público e da organización, está especialmente mimada.
Víctor: Tamén ten fama de ser un festival talismán. Despois de ir ao Carballiño iniciouse a nosa xira triunfal: Carballo, Almagro, Monterrey (México) e Ciudad Rodrigo.
Cadaval: Para cando un programa de Mofa & Befa na TV?
Víctor: Hai tantos programas interesantísimos que non creo que pudiésemos aportar nada. Tamén cando Gaioso crie pelo.
Evaristo: A TV naceu hai dous días e xa cambiou moito. O teatro ten 2.500 anos e continúa a ser o que era: unha representación en directo. Por certo Víctor, dixeches que che gustaría ser bombeiro, pero eu non che vexo entre o fume coa mangueira. Véxote mais cando o corpo non che permita dar pinchacarneiros, de atrezzista ou vestuarista.
Víctor: Merda, cacháchesme! Pero a miña próxima obra será nun parque de bombeiros.
Evaristo: Ti quen eres, Mofa ou Befa?
Víctor: Befa
Evaristo: Daquela, eu debo ser Mofa.
Befa: Home, sí. Non?
Cadaval: Entón... eu quen son?

Comments