top of page

"Moitas compañías deciden presentar no Carballiño os seus espectáculos e iso será por algo&quot

‘Eu encargábame dos nenos e o meu home da parte dos gastos’ é o título do espectáculo que traerán ao Auditorio do Carballiño este mércores pola noite, a partir das 22:30 horas, a Compañía Floristería e Artesa Compañía. Trátase dunha montaxe protagonizada polos actores Vicky Pérez, Laura Villaverde e Manu Fernández, na que con ironía, humor e simpatía, pero tamén reflexionando moi en serio sobre a desigualdade de xénero que seguimos a padecer na sociedade actual, se rendirá homenaxe a todas aquelas mulleres que co seu traballo e actitude abren barreiras fronte ao sexismo.

Como xa fixemos con outros actores que estarán presentes en FETEGA 2015, pedímoslle tamén a Victoria, Laura e Manu que se entrevistaran entre eles e nos contasen o que nos imos atopar este mércores no Carballiño. O resultado, velaquí vai:

Victoria: 'Eu encargábame dos nenos e o meu home da parte dos gastos'. Por que ese título? Laura: Pois o título apareceu de xeito inesperado, cando levábamos dous meses de traballo de investigación, sobre a condición da muller actual (instaurada no mercado laboral e partindo da idea de reparto de tareas no fogar e na educación dos cativos...) A infanta Cristina de España declara no xuízo da súa imputación que ela non sabía de nada e que ela se ocupaba dos nenos e o seu home dos gastos, e así foi como escollemos o título. Si unha muller do século 21 tan ben asesorada di isto nun xuízo é que tal vez nas mentes de moit@s isto sexa crible.

Laura: En que se diferencia esta produción do que fixeches con anterioridade? Manu: Formar parte deste proxecto supuxo para min un grande reto. Logo de vir participando en varias series de televisión e producións teatrais baixo as indicacións dun director/ora, traballar nun proxecto de creación colectiva, onde os actores creadores son os responsables do conxunto escénico, foi como facer funambulismo sen rede. A verdade é que, despois de tódolos problemas e dificultades cos que te atopas a hora de asumir a creación dun espectáculo na súa totalidade, a sensación que queda é a de ter aprendido e madurado enormemente.

Manu: ¿Cal é o número de mulleres pioneiras nomeadas na peza? Laura: Pois... se non recordo mal penso que... 42 Mulleres, 42 exemplos de fortaleza, decisión e loita coa que foron abrindo grandes barreiras para as mulleres de hoxe e antaño.

Laura: Imaxina que podes reencarnarte na pel dunha das mulleres que nomeamos na peza. A cal escollerías? Vicky: A Chavela Vargas, polo seu talento espectacular, pola súa valentía, porque viviu con xigantesca intensidade, sen ningunha clase de complexos, rompeu coas normas onde os machos eran a especie dominante, politicamente incorrecta, espremeu a súa vida e mantivo o éxito ata o seu derradeiro momento, viviu 93 anos!... e porque incluso, inda que a cousa se tratara de ter collóns, ela amosou telos máis grandes que a maioría dos homes. Merece moitos monumentos pero non xa como muller senon como ser humano que ao fin o cabo é o que hai que ser, independentemente de que o teu sexo sexa cóncavo ou convexo.

Vicky: Podes dicirme unha praza na que soñes con actuar algún día? Manu: Encantaríame traballar nun teatro do West End londiniense. Cumpriría dous soños dunha tacada, actuar nunha cidade que me marabilla e facelo en inglés, que é outra das miñas paixóns.

Manu: Que significa para ti actuar no Carballiño?

Vicky: Teño moi boa relación teatral co Carballiño, actuei varias veces no auditorio, dentro e fora da programación do Festival. No FETEGA ademais de ter participado en dúas montaxes con Teatro do Noroeste, concordo co que lin hai uns días na entrevista de Mofa e Befa, que serve de talismán. Nesas dúas ocasións, tiveramos moitas funcións e recoñecementos por parte de crítica e público, así que estaba desexando volver. Como espectadora tamén teño asistido dende A Coruña a varias estreas doutros compañeiros, xa que moitas compañías deciden presentar no Carballiño os seus espectáculos, e será por algo.

Featured Posts
Recent Posts
Archive
Search By Tags
No hay tags aún.
Follow Us
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page