top of page

O Festival de Teatro Galego entrega, mañá venres, os premios 2014 ao Mellor Actor, á Mellor Actriz e

O 25º Festival de Teatro Galego do Carballiño, FETEGA, chega mañá venres ao seu último día, despois de catro xornadas cheas de espectáculos teatrais para nenos e adultos e dunha boa acollida entre o público asistente a todas as funcións.

Como xa é tradicional en todas as edicións do Festival, o FETEGA 2014 tamén rematará con entrega de Premios. Ás 22:30 horas dará comezo no Auditorio municipal unha gala na que ademais de entregar os Premios FETEGA 2014 ao Mellor Actor, á Mellor Actriz, ao Mellor Espectáculo, e o Premio de Honra do ano, tamén se poderá ver a función de novo circo Impreuna, de Pistacatro. Precisamente, será esta compañía a encargada de conducir toda a gala. As entradas para o evento, que custan 8 euros, poden adquirirse na taquilla do propio Auditorio a partir das 20:30 horas.

Se ben o nome dos premiados é unha incógnita a tal hora, xa se sabe que Xan Pinal, creador do Festival hai 25 anos, será quen reciba o galardón honorífico deste ano a toda a súa traxectoria teatral. Os Premios á Mellor Actriz e ao Mellor Actor decidiraos un xurado esta mesma noite de xoves. E o Premio ao Mellor Espectáculo outorgarano as votacións do público que durante todos estes días asistiu ás funcións nocturnas e que a través de papeletas pode votar, cunha puntuación do 1 ao 10, a cada compañía.

As compañías que optan ao Premio de Mellor Espectáculo deste ano son Teatro do Morcego, por Misterio Cómico; Lagarta Lagarta, por O País do Pato Donald; e Obras Públicas, por Bye, bye honey.

Pola súa banda, os actores que optan ao Premio ao Mellor Actor e á Mellor Actriz son Iolanda Muíños, Celso Parada, Ernesto Chao, Rosa Álvarez, César Goldi e Carlos Mosquera.

Cada premio consistirá nunha estatuíña do escultor local Chicho Carballido, deseñada en especial para esta 25ª edición de FETEGA.

Os encargados de entregar os Premios durante a gala serán o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e o concelleiro de Cultura do Carballiño, Rodrigo González.

Ademais desta gala de remate do FETEGA 2014, mañá durante o día haberá como en todas as xornadas, moita máis programación para nenos e adultos. O programa completo para mañá venres do Festival é o seguinte:

Venres 5 de setembro:

Ás 19.30 horas, no Anfiteatro, A nena e os grilos, de Magín Blanco. (Entrada gratuita) (Espectáculo infantil familiar)

Ás 20:30 horas, no Anfiteatro, espectáculo dos Magos do Ribeiro. (Entrada gratuita) (Para todos os públicos).

Ás 22.30 horas, no Auditorio, Impreuna, de Pistacatro; e entrega dos Premios Fetega. (Entrada: 8 euros) (Espectáculo para adultos)

Ademais, ao igual que estes días, mañá tamén praza do Concello, en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.00 horas, haberá obradoiros de malabares e de instrumentos do mundo; e durante a tarde, a partir das 18:00 horas, actuacións sorpresa dos Magos do Ribeiro nos establecementos colaboradores e polas rúas máis céntricas do municipio. A asistencia aos obradoiros, como sempre, é aberta e gratuita, sen necesidade de inscrición previa.

En canto ao día de hoxe, xoves, 4 de setembro, a programación do FETEGA é a seguinte:

Xoves 4 de setembro:

Ás 12.30 horas, na Casa da Cultura, Maxicosons, de Martín Camiña. (Entrada gratuita) (Espectáculo infantil familiar)

Ás 19.30 horas, no Anfiteatro, Antía, Wamba e o regato pequeno, de A tropa de trapo. (Entrada gratuita) (Espectáculo infantil familiar)

Ás 20:30 horas, no Anfiteatro, espectáculo dos Magos do Ribeiro. (Entrada gratuita) (Para todos os públicos).

Ás 22:30 horas, no Auditorio, Bye, Bye honey, de Obras Públicas. (Entrada: 8 euros) (Espectáculo para adultos).

Hoxe tamén praza do Concello, en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.00 horas, haberá obradoiros de malabares e de instrumentos do mundo; e durante a tarde, a partir das 18:00 horas, actuacións sorpresa dos Magos do Ribeiro nos establecementos colaboradores e polas rúas máis céntricas do municipio. A asistencia aos obradoiros, igual que o resto de días, é aberta e gratuita, sen necesidade de inscrición previa.

FETEGA cumpre este ano 25 anos, sendo a día de hoxe o único festival que sobrevive en toda Galicia especializado en teatro galego e está organizado pola Asociación Cultural FETEGA, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Concello do Carballiño, o AGADIC, ABANCA, AXA Seguros, OCASO e Empresa Montañesa. A directora do Festival é a actriz Josi Lage.

Deixámosvos aquí algunhas fotografías dos espectáculos que se poideron ver ata o de agora no FETEGA 2014, no día de onte e antonte.

raquel queizas.jpg
magos do ribeiro.jpg
ghazafelhos.jpg
ghazafelhos 2.jpg
fantoches.jpg
ernesto chao e rosa alvarez en fetega.jpg
deimi mago.jpg
celso parada.jpg

Featured Posts
Recent Posts
Archive
Search By Tags
No hay tags aún.
Follow Us
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page